PROXECTO 2019-2020


PROXECTO PUBLIGUALDADE
UN PROXECTO DO IES CELANOVA PARA A PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA GALICONS.NET DOS “PLANS PROXECTA” NO CURSO 2019-2020
INTRODUCIÓN
Ao fío da nosa campaña da Biblioteca en curso Voces de Muller, e continuando coa nosa satisfactoria participación no programa Consumo e Xénero de Galicons-net o curso pasado, queremos prolongar a nosa participación nos Plans Proxecta abordando a publicidade na súa perspectiva histórica dende unha focaxe de xénero.
O leitmotiv das Bibliotecas Escolares para este curso é "Biblioteca Escolar, viveiro de cidadanía", polo que pensamos que tamén entronca moi ben con esta temática.

Moitos departamentos están interesados e traballando estes temas, así que esta é a mellor ocasión para sumar esforzos e traballar interdisciplinarmente con: Linguas (Castelán e Galego, Inglés e Francés), Tecnoloxía, Plástica, Música, Economía, Filosofía, Xeografía e Historia...

OBXECTIVO
Coñecer os recursos da linguaxe publicitaria, dende unha perspectiva técnica (linguaxe, elementos visuais e música) pero tamén crítica, para tratar de minimizar a súa manipulación sobre nós.
- Reflexionar sobre a evolución da publicidade na historia dende unha perspectiva de xénero, en conexión, como dixemos, coa campaña en curso da biblioteca, Voces de Muller, e co proxecto levado a cabo o curso pasado, Cómprame a Igualdade.
-Previr acerca dos perigos da publicidade, os medios audiovisuais, a música, etc., en canto á prevalencia do patriarcado.
-Concienciar do camiño que queda por percorrer en favor da igualdade
-Ser conscientes da manipulación dos medios sobre o noso comportamento, e sobre a aceptación de estereotipos que en ambos casos nos restan liberdade
-Fomentar hábitos de consumo saudables, tanto a nivel persoal (alimentación, hixiene), como medioambiental (sostibles), en conexión co noso programa de vida saudable Mens Sana in Corpore Sano que mereceu recentemente o distintivo de calidade ¿Sello de Vida Saludable¿ do MEC.
-Aprender, profesorado e alumnado, a traballar interdisciplinarmente e en equipo, utilizando os medios  ao noso alcance e adquirindo as estratexias pertinentes da alfabetización informacional e traballo por proxectos.
- Fomentar o espírito crítico do alumnado para que actúe de maneira informada, para que poida elixir, con coñecemento, entre bens e servizos e coñecer os seus dereitos e deberes, e reflexione sobre os aspectos éticos do consumo.

ORGANIZACIÓN DESENVOLVEMENTO E METODOLOXÍA
Como xa explicamos, pretendemos traballar no eido "Publicidade onte, hoxe e mañá" dende unha perspectiva de xénero.
O proxecto terá varias liñas: Por un lado, unha principal, na que participarán o alumnado de Galego, Debuxo artístico de 1º bach, Plástica de 4ºESO, Música de 4ºESO e Linguaxe e práctica musical de 1ºbach, na que se analizará publicidade de diversas épocas e índoles e se revisitará para elaborar produtos propios. Tentaremos abordalo tamén dende unha perspectiva técnica traballando sobre linguaxe publicitaria, grafismo e elementos visuais e elementos musicais e auditivos. Os deptos. de Tecnoloxía e Inglés colaborarán nesta liña.
Por outra banda, esta historia da publicidade se utilizará para traballar temas transversais nas horas de titoría/lectura en tódolos grupos de 2º e 3ºESO, en nas que outros departamentos aportarán tamén as súas actividades (Filosofía, Economía, etc.).
 Compre salientar que, por mor dos horarios do transporte escolar, o noso centro ten semanalmente 33 horas lectivas, así que esa "Hora 33" énchese cunha materia propia do centro: Lectura, con horario fixo e profesor propio, na que o fío temático será a publicidade.
Potenciaremos metodoloxías activas e traballo en grupo, tanto en pequenas células cunha certa autonomía como en gran grupo, segundo a actividade, estando moi presentes as competencias de Aprender a aprender, as Competencias sociais e cívicas, Dixitais e de Sentido da iniciativa e espírito emprendedor.
Dividiremos o traballo en fases
1.- Estado da cuestión: Coñecemento da realidade (Primeiro trimestre):
Estudo de campo sobre publicidade:
Audiovisual, radiofónica, impresa;  Visionado de anuncios, seguindo as pistas aportadas polo obradoiro realizado o curso pasado, “InfonadalConsumo”.
Enquisa de hábitos de consumo e ocio entre profesorado, alumnado, país e nais e resto do entorno, tentando pescudar en que medida a publicidade inflúe no noso consumo.
Análise xeral de publicidade gráfica/audiovisual; músicas empregadas na publicidade; textos publicitarios tanto de televisión como de radio e prensa.
2.- Estado da cuestión: Ampliación de información (Segundo trimestre).
-Recompilación de información e materiais cos que contrastar as nosas pescudas. Ampliación de información a nivel estético, lingüístico, ético, etc.
-Traballo nas materias específicas en cadanseu eido: grafismo, tipografía, etc. en Plástica; fundamentos de composición dixital en Música e construción de textos, spots, lemas, etc. nas linguas.
-Tentaremos buscar lema e deseños propios e personalizar o noso traballo.
3.- Elaboración e difusión dos produtos finais. (Terceiro trimestre)
Os produtos finais serán anuncios en tres formatos: audiovisual, radiofónico e gráfico, abordados dende diversas perspectivas: anuncios novos, revisión de anuncios sexistas do pasado (ou do presente), reinterpretacións irónicas deses modelos, e por último, "O Metaanuncio", no que trataremos de vender unha publicidade ética.
Para iso traballaremos nesta secuencia:
-Trazar a estratexia publicitaria tendo en conta toda a información previa obtida;
-Determinar o tipo de público ao que vai dirixido;
-Programar o plan de difusión dos nosos produtos contando cos diferentes medios á nosa disposición: Internet (redes sociais, blogs, canle de youtube etc.); documentos impresos, cartaces, diferentes eventos sociais contando coas entidades da mancomunidade, etc. Os propios produtos son tamén "autoreclamos".
- Organizar unha presentación oficial dos produtos finais, a modo de xornada de portas abertas.
Durante todo o proxecto, os diferentes grupos irán facéndose cargo e participando das diferentes áreas e actividades do proceso, para non sobrecargar a ningún grupo.

AVALIACIÓN
1.- Avaliación inicial: sondaxe mediante enquisas para pescudar os coñecementos e opinións previos ao tema tratado non soamente do alumnado, senón tamén do resto da comunidade educativa.
2.- Avaliación formativa: Darase conta de tódalas fases do proceso mediante diarios de clase e follas de observación, así como un álbum de proxecto no que se recollerá o proceso en imaxes, pudendo usar algunha ferramenta como a plataforma Pinterest. Toda a documentación partillarase nos blogs interdependentes da biblioteca (bibliotecapoleiro.blogspot.com) e o da campaña posta en marcha o curso pasado Cómprame a Igualdade (comprameaigualdade.blogspot.com) e nas plataformas que consideremos oportunas.
 3.- Avaliación final: Autoavaliación e coavaliación, mediante enquisas de satisfacción do proxecto, así como avaliación grupal de cada equipo de traballo.
A avaliación do produto final podería vir dada por índices cuantitativos, por exemplo: repercusión nas redes (post compartidos, retweets), entradas no blog, participación na presentación oficial dos produtos finais, etc.

Comentarios