Flashback: A nosa primeira actividade do proxecto Cómprame A Igualdade

Botando a vista atrás, démonos de conta de que, aquí, na nosa bitácora, non vos partillamos o noso punto de partida nesta aventura que é Cómprame A Igualdade.

Cando alguén comeza a interesarse por un tema, é habitual que dalgunha maneira intente averiguar o "status quo"do asunto... E que mellor maneira, neste noso tema "consumo e xénero", que facendo un estudo de campo?

O alumnado de 4ºESO B colleu os seus bártulos e unha tarde de outubro situouse estratexicamente polos distintos espazos do Supermercado Eroski de Celanova (grazas, por certo, pola acollida, e perdón polas molestias!).


Así nos repartimos o traballo:
Grupo 1: Mediante follas de observación, anotar o modus operandi da compra de homes e mulleres, atendendo a: tipo de produtos que mercan (primeira necesidade ou non, produtos frescos ou procesados, de limpeza, coidado persoal, etc.); uso de bolsa propia ou non, lectura de etiquetas ou comparación de produtos, uso de tarxetas desconto. Os datos recolléronse nunha pequena estatística para uso interno, sen demasiada relevancia pois a poboación non era significativa, pero que serviu como punto de partida do noso traballo. 

Grupo 2: Enquisa ao persoal do supermercado, acerca dos hábitos de homes e mulleres á hora de facer a compra: quen compra máis produtos frescos, quen ten máis claras as súas eleciónsá hora de mercar, quen compara máis, quen leva a lista feita ou no caso de ir ambos á compra, quen toma as decisións últimas. Os datos tamén nos serviron como punto de partida do traballo. 


Grupo 3: Pescuda fotográfica de produtos con imaxinería sexista, que se recolleu nun taboleiro Padlet. https://padlet.com/comprameaigualdade/comprandoestereotipos



Resumindo as nosas conclusións...

- A maioría dos produtos frescos eran mercados por mulleres. Os homes compraban máis envasados ou procesados.
- Todos os produtos infantís foron mercados por mulleres.
- As clientas que usaron tarxeta desconto para pagar foron todas mulleres menos un rapaz novo.
- A maioría das mulleres levou bolsa propia, a maioría dos homes non.
- Os clientes que máis se paraban a comparar produtos eran mulleres.
- As parellas que ían xuntas, todas elas dunha certa edade, gardaron un certo parecido na súa rutina: ela decidía as compras e él levaba o carro e collía as bolsas.
- Por suposto, con excepcións: un home máis ben maior levou a súa bolsa e tarxeta, fixo a compra "autonomamente" e mesmo se parou a contarnos que fai todas as cousas da casa.
- O persoal do supermercado corroborou as nosas observacións: a maioría dos produtos frescos son mercados por mulleres, e cando son homes, máis ben novos.
- Tamén corroborou o feito de que son as mulleres as que máis preguntan, as que máis comparan e as que adoitan levar a lista feita. Cando os homes levan a lista, frecuentemente a levan preparada da casa...

En resumo: cúmplense moitos estereotipos dos que, ao longo da campaña, atopamos nos medios, se ben podería dicirse que coas novas xeracións a cousa comeza a mellorar. Daremos nós, con Cómprame A Igualdade, outro empurronciño para que a cousa mellore?



Comentarios