PROXECTO 2018-2019


PROGRAMA GALICONS.NET
PLANS PROXECTA
IES CELANOVA CELSO EMILIO FERREIRO

1.- INTRODUCIÓN
O IES Celanova é un centro peculiar: habita un dos claustros dun mosteiro bieito do século XVIII, e iso imprime carácter. Inscrito na campaña interdisciplinar posta en marcha pola Biblioteca, bibliotecapoleiro.blogspot.com, "Voces de Muller", decidímonos a participar en Galicons-net na modalidade "Consumo e Xénero" por considerar que é un interesantísimo fío condutor de actividades que conectarán a campaña coa realidade. Consumo e xénero son nichos de desigualdade social: é urxente que a comunidade educativa tome conciencia de que consumir con responsabilidade e criterio é a vía para unha sociedade máis igualitaria e máis sostible.
Por outra banda, temos que ter en conta que o noso centro é un centro rural, con sectores do alumnado que viven en núcleos bastante illados, ás veces mal comunicados (por exemplo, o acceso a internet é moi deficiente), con poucos  servizos (sen acceso próximo a bibliotecas, campos deportivos e mesmo sanidade) e sempre tendo que desprazarse (algunhas liñas tardan máis dunha hora en chegar ao instituto).  Para todo o alumnado pero para este en particular é vital a participación en proxectos que lle permita desenvolverse, relacionarse e coñecer a realidade de primeira man. E merece o mellor dos centros educativos onde aprender para a vida.
Por todo o mencionado, e como se relatará a continuación, decidimos solicitar a participación neste programa  e tentaremos levar adiante o noso proxecto realizando unha serie de actividades nas que estará implicada toda a comunidade educativa, e que rematarán cun produto final que repercuta no noso entorno: unha campaña de sensibilización. 

2.- OBXECTIVOS
Os obxectivos que perseguimos coa nosa participación no programa son os seguintes.
-Visibilizar os estereotipos de xénero a través dos hábitos de consumo
-Previr acerca dos perigos da publicidade, os medios audiovisuais, a música, etc., en canto á prevalencia do patriarcado
-Concienciar do camiño que queda por percorrer en favor da igualdade
-Ser conscientes da manipulación dos medios sobre o noso comportamento, e sobre a aceptación de estereotipos que en ambos casos nos restan liberdade
-Fomentar hábitos de consumo saudables, tanto a nivel persoal (alimentación, hixiene), como medioambiental (sostibles).
-Aprender, profesorado e alumnado, a traballar interdisciplinarmente e en equipo, utilizando os medios  ao noso alcance e adquirindo as estratexias pertinentes da alfabetización informacional.

3.- ORGANIZACIÓN, DESENVOLVEMENTO E METODOLOXÍA
Tódalas actividades se realizarán na hora de titoría e/ou a hora de lectura. Compre salientar que, por mor dos horarios do transporte escolar, o noso centro ten semanalmente 33 horas lectivas, así que esa "Hora 33" énchese cunha materia propia do centro: Lectura, con horario fixo e profesor propio.  Esta hora de lectura ten un fío temático anual en correlación coa correspondente campaña da biblioteca, que este ano é "Voces de Muller", polo que consideramos idónea a nosa participación neste proxecto. Todo o alumnado do centro se verá dalgunha maneira implicado no proxecto, pero se centrará sobre todo no alumnado da ESO. O alumnado de bacharelato se incorporará nas actividades de xeito transversal.
Potenciaremos metodoloxías activas e traballo en grupo, tanto en pequenas células cunha certa autonomía como en gran grupo, segundo a actividade, estando moi presentes as competencias de Aprender a aprender, as Competencias sociais e cívicas, Dixitais e de Sentido da iniciativa e espírito emprendedor.
Tendo en conta que o produto final será a mencionada campaña de sensibilización, ao longo do ano dividiremos o traballo en tres fases:

1.- Estado da cuestión: Coñecemento da realidade (Primeiro trimestre e cecáis parte do segundo):
Estudo de campo sobre hábitos de consumo e ocio en supermercados, diferentes comercios, locais de hostalaría,  etc.
Enquisa de hábitos de consumo e ocio entre profesorado, alumnado, país e nais e resto do entorno.
Análise de publicidade: audiovisual e impresa.
Análise de videoclips e textos musicais.
Análise de obras literarias.
Análise de prensa.
Posta en marcha do blog.
2.- Estado da cuestión: Ampliación de información (Segundo trimestre).
Busca de material xa elaborado por especialistas sobre o tema: estudos de consumo, estatísticas, etc. A coordinadora realizará o curso de formación específico “Consumo e xénero” na plataforma PLATEGA que aportará máis luz sobre o tema.
Ademais durante esta fase elaborarase un lema para a campaña, posible merchandising, deseños gráficos, etc.
Encontro con entidades do entorno, por exemplo a Asociación de Amas de Casa Ilduara da nosa vila.

3.-  Campaña de sensibilización.
Realizarase seguindo o seguinte esquema:
-Trazar a estratexia da campaña tendo en conta toda a información previa obtida;
-Determinar o tipo de público ao que vai dirixido;
-Programar o plan de publicidade contando cos diferentes medios á nosa disposición: Internet (redes sociais, blogs, etc.); documentos impresos, publicidade audiovisual, difusión dos lemas, cartaces e posible merchandising, diferentes eventos sociais contando coas entidades da mancomunidade, etc.
Durante todo o proxecto, os diferentes grupos irán facéndose cargo e participando das diferentes áreas e actividades do proceso, para non sobrecargar a ningún grupo.
En todo este proceso se involucrarán os seguintes departamentos: Biblioteca, Lingua castelá, Lingua galega, Plástica, Tecnoloxía, Música, Xeografía e Historia, Economía, Inglés, e posiblemente algún máis que está por confirmar, así que a interdisciplinariedade está plenamente asegurada, así como a referencia a tódolos elementos transversais.

4.- AVALIACIÓN
1.- Avaliación inicial: durante as primeiras tomas de contacto co tema, as enquisas que se pasarán no primeiro trimestre servirán para averiguar os coñecementos e opinións previos ao tema tratado non soamente do alumnado, senón tamén do resto da comunidade educativa.
2.- Avaliación formativa: Darase conta de tódalas fases do proceso mediante diarios de clase e follas de observación, así como un álbum de proxecto no que se recollerá o proceso en imaxes, pudendo usar algunha ferramenta como a plataforma Pinterest.. Toda a documentación partillarase no blog e nas plataformas que consideremos oportunas (por exemplo na plataforma Padlet).
3.- Avaliación final: Autoavaliación e coavaliación, mediante enquisas de satisfacción do proxecto, así como avaliación grupal de cada equipo de traballo.
A avaliación do produto final podería vir dada por índices cuantitativos, por exemplo: repercusión nas redes (post compartidos, retweets), entradas no blog, participación nos actos sociais da campaña, etc.





Comentarios