Participamos no encontro virtual do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global

 Onte pola tarde tivemos o inmenso placer de participar nunha reunión virtual á que fomos convocados representantes dos centros gañadores e, no noso caso, finalistas, da primeira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global que convocou a Coordinadora Galega de ONGD.

Xa en xaneiro partillamos nesta bitácora a nosa ledicia polo recoñecemento, e hoxe tivemos a oportunidade de gozar deste encontro.

Foi moi interesante coñecer os outros proxectos: a organización elaborou uns fermosísimos vídeos-resumo de cada unha das iniciativas cque nos deixaron abraiados. Imaxinamos que o noso, Cómprame a Igualdade, tamén abraiaría, a lo menos un pouquiño. O importante é ver cantos centros, docentes, alumnado e comunidades educativas en xeral están implicados nunha mellora da educación e da sociedade. É fantástico.

Tivemos tempo tamén para charlar un pouquiño entre nós, e finalmente, escoitar a experiencia doutra invitada virtual, tamén mestra: a boliviana Lita Gonzales, integrante do grupo Cholitas Escaladoras, un grupo de mulleres aimaras alpinistas que coa súa actividade deportiva fan unha laboura fantástica de empoderamento da muller e promoción da súa cultura, e xa son un referente mundial. Podedes ver aquí un dos seus vídeos, pero as redes están repletas de vídeos e artigos que falan moito e ben delas.

O feito é que quedamos encantadas do encontro: noraboa a todos, grazas pola convocatoria e que continúe celebrándose por moito tempo. 





Comentarios